Climántica, a través da súa nova derivada, Climántica Intercambios, formou un consorcio co Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM), co Centro de Investigacións Enerxéticas, Medio Ambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT), e coa Asociación Española Para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT). Con estes socios procede a convocar o congreso xuvenil internacional e o seu campus CLMNTK15, co obxectivo de capacitar aos estudantes como autores de produtos multimedia de sensibilización deseñados para sensibilizar a poboación sobre o cambio climático e demais retos ambientais.
Poderán participar todos os estudantes matriculados nun centro educativo en calquera país durante o curso 2015-2016, e o prazo de presentación de traballos queda aberto dende a data de comunicación na web de Climántica ata o 31 de maio do 2015, antes das 24 horas do país dende o que se publique o traballo na plataforma. Dentro do apartado Como participar atópanse titoriais con todos os pasos a seguir para cargar os traballos na plataforma.
Os traballos que se envíen coa intención de que se teñan en conta para participar nos premios consistentes nun campamento ambiental de verán para alumnos de 12 ou máis anos, que no caso do sistema educativo español equivale a 6º de Primaria, ESO, Bacharelatos, Ciclos formativos e Universidade, deberán ser individuais. Aínda que poden presentarse traballos en calquera tipo de agrupamento, e como tales quedarán publicados na plataforma cos nomes de todos os coautores, só optarán aos premios os traballos individuais, de acordo ao establecido no apartado de premios. Entre os universitarios que participen poderanse seleccionar educadores voluntarios en prácticas, sempre e cando expresen o seu desexo de participar desta forma no campus enviando un correo enviado a climantica@climantica.org, indicando neste o título do produto que subiron á plataforma.
Os traballos terán que ver coas temáticas do proxecto e tomarán como referencia as seguintes categorías:
- Relatos
- Poesía
- Curtos cun guión ambiental
- Vídeos musicais
- Vídeos de obras de teatro
- Fotografía comentada
- Banda deseñada
- Presentacións
- Póster
- Debuxos
- Reportaxes multimedia
- Páxinas web